Queremos a exhumación do loitador antifranquista Cipriano Martos Jiménez!
O dereito da familia Martos Jiménez á exhumación de Cipriano é o noso dereito e a nosa obrigación, por iso rogámosvos que asinedes esta petición de xustiza.
Dicirvos a quen non coñezades o caso de Cipriano Martos Jiménez (Maldonadillo, Granada, 1942 - Reus, 17/09/1973) que este é un dos casos máis terribles dos crimes dos últimos anos do franquismo e que presenta a cara máis escura das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da ditadura pola súa salvaxe crueldade.
Quen era Cipriano Martos Jiménez e que tivo que sufrir?
Cipriano era un traballador, sindicalista da Oposición Sindical Obrera, militante do Partido Comunista Español (marxista- leninista) e da Frente Revolucionario Antifascista y Patriota. Foi detido nunha caída múltiple o 25 de agosto de 1973 en Reus por mor dun lanzamento duns panfletos nunha fábrica de Igualada. Unha vez dentro do cuartel foi torturado de maneira sádica ata o punto de facerlle inxerir un líquido corrosivo que o queimou desde a garganta ao estómago. Neste lamentable estado levárono ante o xuíz que ordenou o seu traslado ao Hospital Sant Joan de Déu de Reus. O día 29 de agosto, a pesar da súa imposibilidade para poder responder, o xuíz quixo tomarlle declaración no hospital de onde saíu sen vida e ás agachadas o 18 de setembro. Foi un final longo e en soidade o de Cipriano, custodiado acotío por unha parella de gardas civís que observaron impasibles a súa agonía. O seu foi un asasinato de estado desapiadado. Non puido ser visitado nin sequera polo seu avogado e moito menos pola súa familia, que non foi avisada ata que morreu o 17 de setembro. Nin sequera puideron despedirse do seu corpo sen vida despois de viaxar toda unha noite en taxi desde Granada. A súa nai implorou de xeonllos que lle deixasen ver ao seu fillo morto e os números da Garda Civil pecháronlle o paso a patadas e ameazas. Mentres tanto o corpo de Cipriano foi inhumado nunha fosa de beneficencia no Cemiterio de Reus, sendo falsificada a firma do seu pai, que non puido viaxar desde o seu pobo por problemas de saúde. Os seus pais morreron coa pena de non poder despedirse do seu amado fillo, unha marabillosa, solidaria, xenerosa, empática, comprometida e boa persoa. Un loitador antifranquista a quen os verdugos da ditadura roubáronlle a vida con só 30 anos.
Que se fixo ata o de agora?
O caso deste militante antifascista forma parte da Causa 4591/10 que se instrúe na República Arxentina. Entre as peticións feitas polo seu irmán Antonio ao amparo da Xustiza Universal está a exhumación de Cipriano. Esta exhumación foi solicitada pola xustiza arxentina mediante un exhorto que foi devolto en 2016 polo Xulgado de Instrución Nº 4 de Reus a instancia da Fiscalía de Tarragona atendendo as directrices da Fiscal Xeral do Estado, Consuelo Madrigal e incumprindo os acordos bilaterais entre o estado español e o arxentino. A principios de 2020 volveu librar outro exhorto. En agosto de 2020 a actual Fiscal Xeral a pedimento de querelantes e asociacións do estado español e do exilio deixou sen efecto a comunicación da súa predecesora no cargo. Debido a isto os avogados Máximo Castex e Ana Messuti en caso de nova devolución solicitarán novo exhorto á xuíza María Servini para que Cipriano Martos Jiménez sexa exhumado. O estado español non pode continuar amparando a impunidade do franquismo se quere ser un estado democrático e a xustiza do Reino de España ten que atender os exhortos da xustiza da República Arxentina.
No marco da Lei 10/2009 aprobada polo Parlament de Catalunya Antonio Martos Jiménez solicitou en 2017 a exhumación do seu irmán Cipriano á Direcció General de Memòria Democràtica de la Generalitat de Catalunya. A entón directora Carme García i Suárez pediu un estudo de viabilidade para a exhumación de Cipriano e ese mesmo ano Antonio foi citado no hospital Vall d’ Hebron onde se lle extraeu unha mostra de ADN. En 2019 a directora Gemma Domènech i Casadevall comunicou ao irmán de Cipriano a negativa á exhumación cunha carencia total de empatía e nin sequera deixoulle ver o informe técnico que sostén a non intervención na fosa onde foi inhumado Cipriano sen consentimento familiar. Hai que dicir que para avalar a petición de exhumación á xustiza arxentina presentouse un informe favorable elaborado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que fixo de maneira solidaria e comprometida. Este informe de viabilidade tamén foi proporcionado á Direcció General de Memòria Democràtica que non foi tomado en consideración a pesar da profesionalidade e experiencia da ARMH.
Que queremos?
Queremos a exhumación de Cipriano Martos Jiménez e que a súa familia póidao inhumar xunto aos seus pais en Granada e poder despedirlle como se merece un republicano que non abandonou a loita pola liberdade.
Esta recollida de firmas é unha reivindicación e unha homenaxe non só a Cipriano, tamén, como el querería, a todas as persoas detidas, torturadas, encarceradas e asasinadas nas comarcas de Tarragona desde a entrada das tropas franquistas ata a Transición. Queremos lembrar a todas as antifascistas detidas e torturadas na mesma caída que Cipriano como o seu compañeiro Pascual Carrilero Carrilero, tamén presente na Querela Arxentina. Non queremos esquecer tampouco ao traballador Juan Gabriel Rodrigo Knafo morto na cidade de Tarragona en 1976 aos 19 anos de idade cando era perseguido pola policía por manifestarse contra os asasinatos do 3 de Marzo en Vitoria. Nin tampouco esquecemos aos centos de represaliados e mortos dunha Transición que nada tivo de exemplar.
Por todo o exposto rogámosvos a persoas, entidades, asociacións e colectivos de defensa dos dereitos humanos e das vítimas do franquismo e a Transición que asinedes esta petición de verdade, Xustiza e Reparación para esixir a exhumación de Cipriano Martos Jiménez á Consellera de Justícia de la Generalitat de Catalunya.
Para asinar: AQUÍ.
Ver listaxe de entidades e persoas asinantes: AQUÍ.
No hay comentarios:
Publicar un comentario